A Nosa Terra (Galiza)

Xosé Lois García
Escritor

Adeodato Barreto, filósofo e poeta

A pesar de morrer con 32 anos, Adeodato Barreto é unha das principais personalidades da expresión en portugués de Goa, hoxe territorio da India.

En Goa, naquel minúsculo territorio colonial portugués na India, déronse unhas condicións culturais e literarias onde brillaron unha serie de personalidades das letras portuguesas que, frecuentemente, deron vida a unha creatividade moi activa que respondía ao pensamento hindú e a filosofía brahmánica, revestindo as letras en lingua portuguesa dunha enorme preponderancia. Unha desas personalidades da filosofía e da poética goesa foi Adeodato Barreto (Goa, 1905-Coimbra, 1937), un pensador que nos seus 32 anos de vida deixounos un inmenso libro filosófico titulado Civilização Hindú e outro de poesía: O Libro da Vida (Cânticos indianos). No primeiro deles relata os aspectos mais esenciais da civilización hindú nos seus procesos e variantes de pensamento, no que responde ao budismo, filosofía, no que respecta a unha reflexión crítica, á idea da arte no que respecta á natureza, á literatura no mais estrito comportamento social e cívico.

Barreto foi un pensador de esquerdas, alentado desde o humanismo hinduísta, que se permitiu criticar o réxime de Salazar en 1929. Interveu cun poema na guerra civil española, apelando a Xesús de Nazaret, crucificado polos poderosos, para que fixese acto de presenza nas trincheiras republicanas con carabina en man contra as lexións fascistas.

Coa poesía de Adeodato Barreto podemos viaxar a outra dimensión, na lingua portuguesa, mesmo ao verbo da civilización hindú, á súa filosofía e ao seu humanismo. Na súa poética codifícanse varios rexistros de alta creatividade, tal como expuxo o crítico, Ruy Sant’Elmo: “E o poeta [Adeodato Barreto], aliando a sensibilidade ao pensamento, tentou traducir na sua lira as emoções profundas do Amor universal, que a contemplação da transcendente harmonia que a natureza nos desperta”. A obra de Adeodato Barreto constata un antes e un despois bastante márcante na fértil poesía goesa. Este termo o confirma o seu grande estudoso como foi o poeta goés, Orlando da Costa: “De certa maneira, dentro dos limites da contemporaneidade, ou seja, de todo o tempo en que decorre este século, podería estabelecer para efeitos de análise e exposiçäo, dois períodos –un antes e outro depois de Adeodato Barreto, tal a importância que eu atribúo à sua personalidade de criador literario e divulgador responsábel e empenhado numa cultura, chamemos-lhe nativa, face a uma outra cultura, chamemos-lhe adoptiva”. A análise de Orlando da Costa lévanos a captar a múltiple dimensionalidade dos cánticos indianos que nos ofrece Adeodato Barreto nos libros citados, onde nos fai virar a ollada cara ese círculo cultural en que os naturais de Goa respiraban o ar pleno da terra coa lingua prestada da patria portuguesa, dimensionando a súa expresión.

Comentários

Mensagens populares deste blogue