A Nosa Terra
Os medios en galego importan'
Máis de 6.000 firmas a prol da prensa en galego

Redacción . A plataforma 'Os medios en galego importan' xa recolleu na súa web ao redor de 6.200 sinaturas. Logo do peche do xornal 'Galicia Hoxe' medra o apoio a un mapa de prensa integramente en galego.

Logotipo da páxina web en apoio aos medios en galego Logotipo da páxina web en apoio aos medios en galego

Galicia Hoxe sumouse á creba en cadea de varios medios de expresión en galego. Primeiro foi Vieiros e logo o semanario A Nosa Terra. A Peneira tamén sufriu os rigores do tempo difícil e arestora Galiza non ten nin tan sequera un diario ou semanal integramente nos quioscos. Si revistas, como Tempos Novos, O Sil, Grial, A Trabe de Ouro...

Nos medios audiovisuais a cousa é igual de mala. Malia as posibilidades que trouxera a creación da TDT, o certo é que o galego só se escoita en dúas de ao redor de 30 posibilidades: as canles da CRTVG, de titularidade pública e cuxo fin, xustamente, é espallar a lingua galega. Novas iniciativas propiamente galegas, ben desde o espazo local ben desde o espazo autonómico (como VTelevisión) só usan o galego de xeito ritual, igual que a TVE, que mantén 20 minutos diarios de información en galego.

Na radio só a Galega e Radiofusión –canle que une as emisoras locais– manteñen vivo o galego como lingua de comunicación. Noutras canles hai espazos determinados para a expresión galega, tanto nas canles públicas estatais coma en cadeas privadas.

É na rede onde sobrevive mellor o galego. A Nosa Terra Diario e Galicia Hoxe conviven cunha manchea de medios semiprofesionais xeneralistas (Galicia Confidencial) con outros específicos (Código Cero).

O obxectivo da plataforma 'Os medios en galego importan' é servir de canle de apoio da cidadanía galega que se sente orfa sen eses medios en galego. O primeiro paso para que no futuro novas iniciativas xurdan nos medios tradicionais e se asenten na internet e aspiren a ser propostas masivas é crear unha masa crítica que demande diante do poder público e incite a iniciativa privada a constituír novas propostas.

Comentários

Mensagens populares deste blogue