A Nosa Terra

Xosé LoisGarcía, Escritor

Historia dunha literatura
Voces poéticas de Timor
Timor é un dos lugares máis fascinantes en canto ás letras autóctonas. Paga a pena coñecer as súas máis destacadas voces poéticas.
Timor Oriental, antiga colonia portuguesa, é o territorio de cultura tetun na que predominan as tradicións pese á invasión portuguesa no século XVI. As autoridades portuguesas nesta illa estaban mais preocupadas polas apreciadas madeiras de sándalo e por numerosas especies que aquí se producen máis que polo cultivo das letras. Así é que a poesía de expresión portuguesa en Timor é serodia pero tamén puntual na hora de decidir e apostar por unha poesía belixerante, aínda que ocupase certas referencias panfletarias sen deixar de ser útil para un país que tomaba conciencia e tratou de que a poesía fose contundente na denuncia e na reconstrución identitaria.

A poesía timorense aparece na segunda metade do século XX, cuxos precursores foron: Ruy Cinatti (Londres, 1915-Lisboa, 1986), antropólogo e agrónomo que pasou a súa vida profesional en Timor e foi o primeiro en recoller as tradicións e evocar os diversos espazos timorenses. Desta época é o poeta timorense, Fernando Sylvan (Dili, 1917-Cascais, 1993) que harmonizou a súa poesía nas tradicións e no folclore tetun, os seus poemas en portugués expresan esa carga emocional e humanista sobre as crianzas no seu país colonizado.

Coa descolonización posterior ao 25 de abril de 1974, hai un fermento de aspiración á liberdade e á independencia onde encontramos varios poetas incorporados á loita armada do FRETILIN (Frente Timorense de Libertação Nacional), como Francisco Borja da Costa, (Dili, 1946-1975) asasinado nos días da invasión de Indonesia. Poeta nu e descarnado, puntual e revolucionario. O seu poema: “Patria” converteuse no himno nacional de Timor. Desta xeración é Xanana Gusmão, o antigo líder do FRETILIN (Dili, 1946). Durante a súa longa estadía nos cárceres de Indonesia, converteuse en poeta e pintor. A súa poesía é unha proclama reivindicativa pola patria invadida. Coa chegada da independencia foi elixido como o primeiro presidente da República de Timor Oriental.

Implicados na poesía social e nacionalista atopamos a Jorge Lauten, un poeta comprometido coa poesía patriótica e de intervención no período de loita pola independencia. Despois da independencia de Timor cambiou de rexistros cara a unha poesía mais ordenada. Nesta dirección apuntan os poetas Afonso Busa Metan, Jorge Barros Duarte, Fitun Fuik e Crisódio T. Araujo. Son estas as voces preclaras dunha xeración que vive en liberdade e as súas buscas líricas están nas raíces do pobo. É así como os cultivadores da nova poesía timorense se achegan á tradición épica e elexíaca, aos sons musicais e a moi diversas tradicións, creando así unha terceira xeración desde a primeira época dos dous precursores mencionados e dos poetas da segunda xeracións, os da epopea de liberación.

Comentários

Mensagens populares deste blogue